Translate

martes, 19 de abril de 2016

Cidadás de segunda

Leo con certo estupor unha noticia na que se informa de que o Sergas xa non pide a proba da toxoplasmose ás mulleres embarazadas. E digo estupor porque precisamente nos meus dous embarazos os resultados da devandita proba condicionaron en boa medida o meu “benestar”, polo menos no relativo ao gastronómico e dixestivo. Ou dito doutro xeito, que os dous negativos das análises impediron que durante 18 meses (nove por cada xestación) puidese inxerir alimentos como o xamón serrano, o chourizo ou a carne pouco feita, o que para min supuxo un verdadeiro calvario -tanto, que supliquei ao pai do meu primeiro fillo mentres estaba de parto que baixase á cafetería a por un bocadillo de xamón serrano para celebrar o nacemento como correspondía-.
Ben, deixando a un lado esta consideración persoal que pode parecer un tanto cómica ou mesmo superficial, parece que neste caso a razón que se esgrime non é de carácter ideolóxico nin económico, pero o certo é que a medida -que, por outra banda, non se aplica de momento en todo o territorio galego- vén sumarse a outras anteriores que si o son. Porque os e as que din defender ás mulleres que desexan ser nais -si, falo do Partido Popular- quedan niso, en palabrería.
Exemplo. Como moitas mulleres, parín en 2004 no entón denominado Arquitecto Marcide de Ferrol sen epidural porque o Goberno do PP da Xunta, non achegaba fondos para contratar anestesistas, e tivo que ser o Bipartito o que, un ano máis tarde, deu resposta a esta demanda.
Exemplo. Aquelas mulleres que, desexando ser nais, vense obrigadas a abortar por razóns médicas no segundo trimestre de embarazo, polo menos en Ferrol e A Coruña, son sometidas á indución ao parto nunhas condicións que non se axustan ao que marcan os protocolos internacionais. Ademais, as que, ofrecendo o Sergas esa opción, deciden abortar en Madrid, atópanse co problema de que teñen que abonar boa parte dos custos da viaxe. Desde logo, non son as mellores políticas para fomentar a natalidade e animar ás mulleres, que en ocasións teñen que recibir atención psicolóxica por estes abortos
Exemplo. O PP, con Gobernos con maioría absoluta en Madrid e Galicia, decide eliminar da carteira servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde o financiamento dos tratamentos de fertilidade e de inseminación artificial ás mulleres que, paradoxalmente, poderían precisar en maior medida devanditos tratamentos: mulleres lesbianas, soas e maiores de 40 anos.
Son unicamente tres exemplos, pero suficientemente significativos. O Partido Popular non só decidiu manter unha pugna contra aquelas mulleres que, exercendo o seu dereito para decidir, non queren ser nais, senón que tamén o fai contra as que queren selo. Porque detrás destas medidas e recortes subxace unha idea interiorizada para un amplo sector do PP: a de considerar ás mulleres cidadás de segunda.

Así que pouco ou nada avanzaremos en dereitos tan básicos como o de saúde se mantemos nas institucións a quen non só non cren nunha sanidade pública, universal e gratuíta, senón que tampouco cren na igualdade entre homes e mulleres.

domingo, 3 de abril de 2016

Besteiro & Cancela

Formei parte da Comisión Executiva de José Ramón Gómez Besteiro. Durante dous anos e medio, tiven a oportunidade e a sorte de traballar á beira de quen foi o primeiro secretario xeral do PSdeG saído dun proceso de Primarias. “Son fillo das Primarias”, dicía el sempre que se cuestionaba -e foron moitas- a súa representatividade e lexitimidade ou cada vez que se poñía en dúbida o seu modo de facer as cousas. Fundamentalmente nos últimos tempos, a presión foise incrementado ata facerse insoportable e insustentable e, empuxado polas imputacións dunha  xuíza convertida na raíña das casualidades e de marcar os tempos políticos -de forma moi especial os do Partido Socialista-, Besteiro decidiu abandonar.
Non vou ocultar a miña tristeza e desilusión ante o ocorrido. José Ramón Gómez Besteiro non só era o mellor candidato que tiña este partido para acabar cun Goberno terrible para Galicia como está a ser nestes últimos anos o do Partido Popular, senón que ademais foi  vítima das consecuencias dunha  cuestionable decisión xudicial e, o que é peor, dun cainismo que nestas semanas rezumaba un fedor putrefacto.
Tampouco serei eu quen se erixa na avogada defensora da inocencia do que foi o meu, o noso secretario xeral. Pero si direi que se houbo unha cualidade que me resultou destacable de Besteiro ao longo destes anos, ademais da súa capacidade de diálogo, humildade e confianza na súa xente, é a honestidade. Ata entón, non coñecera a ninguén que realmente tomase decisións -algunhas delas especialmente duras- pensando única e exclusivamente no partido e, de forma moi especial, na militancia. Unha militancia usada torticeramente en diversas ocasións por outras persoas para aferrarse aos seus cargos. Nin presidente da Deputación, nin Senado -co que sabemos que isto implica-, nin candidato á Xunta, nin secretario xeral do PSdeG… Besteiro, que o podía ter todo, converteuse nun afiliado máis por responsabilidade, respecto e entrega ao partido.
Pero, como se adoita dicir, a vida continúa. Sen deixar de confiar na xustiza, o presente, e parece que tamén o futuro, do PSdeG teñen nome de muller. Porque, se algo bo ten esta situación, é que quen tomou as rendas do partido é unha persoa que neste tempo gañouse o posto que agora Ferraz outorgoulle.
Traballadora, comprometida, feminista, dialogante ata a extenuación, leal, formada e capaz, Pilar Cancela representa á perfección esa imaxe de “nova política” que necesita nestes momentos o PSdeG. Cunha naturalidade innata e un discurso socialista propio sen esas frases enlatadas que usan algúns dos que fixeron da política o seu modo de vida, Cancela ten por diante uns retos complicados, sobre todo polas frontes abertas dentro do partido, pero non imposibles.

Como dicimos por estas terras, os tempos son chegados. Se queremos un PSdeG forte con vistas a liderar un Goberno de cambio na Xunta, debemos unirnos e apoiar a quen ten a responsabilidade e capacidade de facelo: Pilar Cancela.