Translate

domingo, 14 de febreiro de 2016

Tocáronnola


Un ano por estas datas, o PSdeG, a través da Secretaría de Igualdade, en colaboración con Xuventudes Socialistas de Galicia, poñía en marcha a campaña “Que non nos toquen a lei”, en resposta á pretendida modificación por parte do PP do artigo 13.4 da coñecida como Lei do Aborto.

Coincidindo coa celebración, o 14 de febreiro, do Día da Saúde Sexual, saiamos á rúa para repartir condóns e, co lema desa iniciativa, -en claro rexeitamento a unha modificación que atentaba contra os dereitos das mulleres, especialmente das máis vulnerables, as máis novas en situación de violencia, desarraigamento ou desamparo-, poñer de manifesto a importancia que ten a educación e prevención para evitar embarazos non desexados, o fin último desta lei que xa leva no seu nome as palabras “saúde sexual e reprodutiva”.

De feito, a finais de decembro coñeciamos os datos relativos ás interrupcións voluntarias de embarazo e, por primeira vez dende 2005, os abortos en 2014 caían por debaixo dos 100.000, sendo 94.796, isto é, un 12,8% menos que o ano anterior. Este descenso, malia non afectar a Galicia, que mantén case inalterables as súas cifras –precisamente pola razóns de que non baixen vimos de preguntar ao Goberno da Xunta no Parlamento-, tamén afectou ás mulleres menores de 19 anos, pasando de 12,23 de cada mil a 9,92. E este é o terceiro descenso consecutivo.

Pois ben, pasado un ano, o PP tocóunola. Tocou unha lei que fora froito do consenso e, aínda que mellorable e revisable -como todas, por certo-, unha lei que, como amosan os datos, estaba comezando a dar os seus froitos malia non ser desenvolvida polo Partido Popular. Un ano máis tarde, as mulleres de 16 e 17 anos que quedan embarazadas e non queren ser nais, vense ante unha perigosa disxuntiva: a de abortar con garantías sanitarias, pero previa aprobación materna ou paterna mesmo nos casos nos que existe violencia intrafamiliar, desarraigamento ou desamparo, ou a de facelo de forma clandestina, co importante risco para a saúde que iso leva.

Por tanto, no Día da Saúde Sexual debemos esixir que “nos devolvan a lei” e que, por tanto, o Goberno entrante -esperemos que progresista e liderado por Pedro Sánchez, fiel defensor dos dereitos e liberdades das mulleres- recupere a lexislación anterior, para poder desenvolvela e, no seu caso, mellorala en todo aquilo que sexa preciso.

Precisamente un dos problemas principais que se detectaron nestes anos é a falta de información entre a mocidade. Así, os estudos constatan que máis do 50% das mulleres menores de idade que abortaron non tomaran -nin elas nin a súa parella, por suposto- medidas anticonceptivas. E non nesa ocasión, senón dun xeito habitual. E o mesmo ocorre coas mulleres menores de 19 anos que manteñen relacións sexuais, con independencia de que se produza ou non un embarazo. A razón? Pois imaxino que haberá varias, pero estou totalmente convencida de que o descoñecemento ou, o que é o mesmo, a nula ou escasa información e formación recibida nas súas respectivas casas e centros escolares está detrás dunha realidade que nos está retrotraendo a moitas décadas atrás.

Se queremos evitar embarazos non desexados, que como dicía antes, é o obxectivo da Lei de 2010 -o aborto non é máis que a solución última a romper cunha maternidade non desexada por parte da muller, que é quen ten e, por tanto, exerce ese dereito-, debemos poñer o acento na educación; unha educación afectivo-sexual que se imparta nos centros escolares e que teña como destinatarios a nenos e nenas desde idades temperás. Por tanto, non só é necesario recuperar Educación para a Cidadanía, como materia fundamental para que o alumnado reciba formación en valores como a igualdade, a tolerancia ou o respecto á diversidade, senón que tamén as administracións teñen que impulsar unha materia a través das que formemos a nenas e nenos, mulleres e homes informados acerca dos nosos respectivos corpos, saúde e dereitos sexuais e reprodutivos. Só con prevención e información poderemos acadar unha sociedade sexualmente saúdable.


http://praza.gal/opinion/3149/tocaronnola/

domingo, 7 de febreiro de 2016

Azul e rosa

Azul e rosa. Coches e cociniñas. Fútbol e ballet. Estes son só algúns exemplos do que historicamente se considerou de nenos e de nenas, os chamados estereotipos. Uns estereotipos que pouca importancia terían se non fose pola desigualdade que se deriva de cada un destes conceptos.
É dicir, a nena vestida de rosa, xogando ás cocinitas e acudindo a clases de ballet fronte ao neno de azul, tirado polo chan cun coche de carreiras e dando patadas nos seus intres libres a un balón. Ou, o que é o mesmo, a calidez, a fraxilidade e a submisión fronte á dureza, a fortaleza, a independencia e a competitividade. A inferioridade fronte á superioridade. A muller fronte ao home. A desigualdade máxima.
Talvez estas comparacións resulten un pouco extremas, pero os adxectivos anteriormente mencionados  -e outros moitos- son os que nos van separando desde a infancia e vannos facendo non só diferentes -que o somos-, senón desiguais. E da desigualdade estrutural proveñen condutas sexistas, discriminatorias e agresivas. Por iso, a educación resulta fundamental e, dentro ela, a ruptura deses roles asociados a un ou outro xénero.
E igual que nos últimos tempos sorprendeume -gratamente- atopar algúns catálogos de xoguetes nos que aparecen nenos xogando con bebés e nenas facendo construcións, ou ver como cada vez máis nenos utilizan a cor rosa nos seus equipamentos de fútbol -deporte no que na actualidade hai maior presenza feminina-, o sentimento é o contrario cando constato que a publicidade e o deporte, por seguir con estes exemplos, seguen sendo en termos xerais escandalosamente machistas.
E machista e claramente discriminatorio é o que sucedeu nun centro escolar de Ribadeo, o CEIP Gregorio Sanz, onde o profesorado inicialmente pretendía que os nenos acudisen o día da festa de Entroido disfrazados de xogadores de baloncesto e as nenas de animadoras. A pesar da rectificación motivada ao parecer pola queixa dalgunhas nais e pais, o certo é que resulta como mínimo preocupante que un claustro dun colexio público tome unha decisión destas características sen atisbar nin un mínimo de desigualdade na mesma. Non perciben un claro tufo machista ao pedir que os nenos acudan a clase vestidos de deportistas e ás nenas de animadoras, é dicir, que promovan a superioridade deles fronte á submisión delas?  Non se dan conta de que trasladar esa mensaxe ao alumnado é todo o contrario á formación e educación en igualdade?
É evidente que a resposta a estas preguntas é non e, por tanto, debemos esixir a quen corresponde, é dicir, ás administracións públicas e, dunha forma especial, a quen ten as competencias fundamentais, isto é, a Xunta, que incida na educación, tanto a nivel do alumnado como do profesorado. É evidente que nos últimos anos déronse significativos e preocupantes pasos atrás en igualdade. Os estudos realizados por diferentes institucións e organismos están a constatar un repunte do machismo desde idades moi temperás, co que leva: abusos e violencia psíquica e física.

Os recortes económicos e ideolóxicos do PP, tanto no Goberno de España como en Galicia, foron letais para a educación, un dos alicerces fundamentais sobre os que se ten que asentar a igualdade entre homes e mulleres. Por tanto, parece clave a existencia dun goberno de progreso que teña na igualdade uno dos seus compromisos fundamentais e que estea disposto a activar todos os recursos e medidas necesarios para poder alcanzar este obxectivo, comezando pola formación non só de nenos e nenas, senón tamén de quen se encarga da súa educación.