Translate

sábado, 30 de xullo de 2016

Xogando coa igualdade

Soan campás de eleccións. E comeza o particular show do PP.  Alentados por un máis que satisfactorio -dado o panorama- resultado nos comicios do 26-X e co obxectivo de revalidar a súa enésima maioría absoluta, o Partido Popular de Galicia púxose ao choio cunha nova campaña de anuncios e medidas electoralistas.
Nesta especie de mercadillo do todo vale por un voto,  as mulleres convertémonos en branco da diana. Así que os mesmos que, ofendidísimos, acusaban á oposición de utilizar politicamente ás vítimas de violencia machista cando, por exemplo, se pediron diferentes comparecencias e explicacións ante brotes alarmantes de asasinatos machistas ou, por poñer outro exemplo, despois dos salvaxes recortes dos últimos anos, non o pensaron nin un segundo e decidiron lanzar unha ofensiva de anuncios electoralistas coa igualdade como protagonista.
Primeiro foi cun tema tan delicado como o das axudas ás mulleres vítimas de violencia machista. Despois de anos de Goberno negándose sistematicamente a ampliar a todo o ano a convocatoria de solicitudes do chamado salario da liberdade para que todas as mulleres puidesen solicitalo, tiveron que chegar unhas eleccións que se presumen complicadas para o PP para votar a favor. Iso si, con trampas e condicións, xa que será o próximo Goberno que salga das urnas de outono o que teña que modificar a Lei de 2007.
E, cando xa parecía que o electoralismo neste ámbito estaba cuberto, e despois de cargarse dunha plumada Educación para a Cidadanía,  van e presentan unha materia sobre igualdade, que anuncian aos catro ventos e venden como a proba palpable do compromiso da Xunta coas políticas de igualdade. Claro, que o fan a mediados de xullo, cos centros xa finalizando a tramitación das matrículas e, por tanto, con escasas -ou nulas- posibilidades de que entre en funcionamento durante o curso académico 2016/17. De feito, como nai dun neno que accede a 1º da ESO (un dos dous cursos onde se supón que se vai a impartir), podo asegurar que hai días que formalicei a súa matrícula e en ningún caso déuseme dita opción.
Escarbando un pouco máis, atopámonos con que se trata dunha materia voluntaria para os centros e optativa para o alumnado de 1º e 2º da ESO que, se pasados todos estes obstáculos, deciden cursala, recibirán unha suposta formación en igualdade durante unha hora á semana por parte de alguén a quen non se lle esixirá titulación específica ningunha. É dicir, que calquera docente -ás e os que a Xunta se empeña ano tras ano en complicar máis a súa tarefa- poderá impartir unha materia na que, supostamente, se abordarán cuestións tan complexas como a violencia machista. Protocolos de actuación, formas de detección da violencia, utilización das novas tecnoloxías ou avances lexislativos en dereitos e liberdades das mulleres ao longo da historia son só algúns exemplos que se me ocorren que poderían entrar nun temario -que descoñezo se existe e, se é así, quén se encargou de realízalo e en base a qué criterios- para o que, e cae de caixón, resulta necesaria unha formación previa.
Así que, vendo o visto,  lonxe queda este anuncio de incorporar ao currículo a formación específica en Igualdade, educación afectivo-sexual e de prevención da violencia de xénero en todas as etapas educativas, que é a proposta socialista defendida e comprometida. Proposta que, por certo, incluíu o Grupo Parlamentario do PSdeG nunha iniciativa parlamentaria presentada pola deputada portavoz de Igualdade Carmen Acuña (o decálogo contra a violencia machista) e que, xa inmersos nesta especie de lavado de fronte preelectoral, foi aprobada cos votos favorables tamén do PP.

Por tanto, a cumprir co acordado, pero sen xogos e demagoxias. Xa basta de xogar coas mulleres.

http://praza.gal/opinion/3465/xogando-coa-igualdade/

xoves, 21 de xullo de 2016

"Eu non son feminista, pero..."

As vacacións son ese período do ano que, as persoas que temos a sorte de traballar e de recibir un salario digno (algo que nestes tempos que corren é case imposible), dedicamos a desconectar ou, polo menos, a tentalo. Porque desconectar da realidade cando esta móstrache tozudamente, un día si e outro tamén, a dureza da violencia e o terrorismo machista, resulta difícil, cando non imposible. A lista de mulleres asasinadas crece case cada día porque, por desgraza, o machismo non entende de vacacións. Nin de vacacións nin de Gobernos en funcións ou, mellor dito, en disfuncións e que segue mirando, como fixo ao longo dos catro anos anteriores, para outro lado coma se nada ocorrese.
Tamén as vacacións serven para reflexionar. Hai uns días, chamábame a atención un comentario que facía unha guía -muller, 28 anos, para máis datos- nunha excursión por Kotor, unha magnífica cidade montenegrina. Argumentaba ela, á hora de explicarnos a forma de ser da poboación do seu país que, “eu non son feminista, pero aquí os homes fan o que lles dá a gana e as mulleres son a que coidan a casa e aos nenos. E iso eu non o comparto”. “Eu non son feminista, pero…”, unha frase que, polo que veño observando dende hai tempo, é mundialmente utilizada ou, creo, mal utilizada. Vexamos:
“Eu non son feminista, pero”… rexeito e combato calquera tipo de violencia contra as mulleres.
“Eu non son feminista, pero”… quero ter dereito sobre a miña maternidade e o meu corpo.
“Eu non son feminista, pero”… quero traballar, acceder ao mercado laboral en igualdade de condicións e recibir o mesmo salario que un home polo mesmo posto.
“Eu non son feminista, pero”… aposto pola corresponsabilidade, por implicar aos homes no coidado de dependentes e dos seus fillos e fillas.
En definitiva, “eu non son feminista, pero” defendo e reivindico a igualdade entre homes e mulleres, os mesmos dereitos e liberdades.
Pois ben, todas estas mulleres que aseguran non ser feministas, o son. Porque o feminismo non é outra cousa que defender a igualdade entre mulleres e homes e rexeitar calquera forma de conduta machista. Evidentemente, o compromiso con estes obxectivos pode ser maior ou menor, pero considerar o feminismo a priori como o contrario ao machismo é, sen dúbida, un dos maiores erros nos que podemos caer, especialmente cando as que realizamos  afirmacións como a que estamos a analizar somos  nós, as mulleres.

Talvez o problema radique, unha vez máis, na educación ou, máis ben, na súa ausencia. Evidentemente, é necesario -e, ante os datos que imos coñecendo sobre desigualdades en diferentes ámbitos, e dunha forma especial, no que se refire á violencia, tamén urxente- investir recursos na educación en igualdade. Pero esta tarefa debe comezar polo principio e, así, o “Tema 1” –por dicilo dalgún xeito- debe ser o da explicación de conceptos fundamentais, como a definición de feminismo. Estou segura de que dariamos un paso adiante e moitas máis mulleres evitarían o ter que utilizar esa coletilla que parece fuxir dun rexeitamento social totalmente inxustificado. E moitas máis mulleres entoarían o “Eu son feminista. Sen peros”.

http://praza.gal/opinion/3461/leu-non-son-feminista-perohr/

xoves, 30 de xuño de 2016

Novos tempos, novas familias

 Fai algo menos dun mes, concretamente o 15 de maio, celebrábase o Día Internacional das Familias, unha data que se instaurou en 1994 para recoñecer a importancia das familias e o papel que xogan en todos os ámbitos. Pero, ademais, desde o momento no que se decidiu dedicar un día ás familias, tamén se quixo poñer un especial acento nos diferentes modelos existentes.
Ao longo da historia, o sistema patriarcal predominante monopolizou o seu modelo, baseado tamén nos preceptos cristiáns, consistente en papá, mamá e fillos e fillas. Este modelo foi, con máis ou menos implicación das administracións -supoño que moitas persoas lembran aínda esas imaxes en branco e negro do NODO con eses 600 nos que se metía a presión a oito ou dez integrantes da mesma familia, que eran moi do gusto do Réxime- o que se impuxo ata fai relativamente pouco tempo.
E non é que non existisen outras opcións; non é que non houbese homosexualidade, ou parellas que querían deixar de convivir ou “de facto” era coma se non o fixesen, ou mulleres que non desexaban seguir adiante co seu embarazo. O que sucedía era, por unha banda, que non existía o marco legal necesario e, por outra, que tampouco había unha educación social que deixase de estigmatizar ou mesmo castigar a quen optaba por unha opción diferente á “estándar”.
Despois de moitos anos escuros, tivo que chegar ao poder o Partido Socialista para, primeiro con leis que agora parecen mornas ou mesmo “trasnoitadas”, como a primeira Lei do Divorcio de 1981 ou a Lei do Aborto de 1985, recoñecesen estes dereitos e liberdades para moitas, miles, de persoas que se atopaban nalgunha das situacións anteriormente expostas e non atopaban saída nin solución. E, coa paréntese que supuxeron os dous Gobernos Aznar, volveu ser o Partido Socialista, cun presidente Zapatero realmente comprometido coa igualdade a todos os niveis e en todos os ámbitos, o que deu o verdadeiro paso adiante no recoñecemento, non só a través de leis senón tamén de políticas transversais, de dereitos civís e sociais que puxeron a todos os tipos e clases de familias ao mesmo nivel.
A Lei de Matrimonio Igualitario, a Lei de Dependencia, a Lei de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres, ou a Lei Integral de Saúde Sexual e Reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do Embarazo son algúns exemplos -de vital importancia, doutra banda- desta política baseada en principios como o da igualdade e que, no caso de Galicia, o bipartido formado polo PSdeG e o BNG, completou e potenciou con leis de rango autonómico e políticas activas.
Estamos de novo noutra paréntese, outra paréntese que pode -esperemos- volver pecharse. Outra paréntese de catro anos que foi tremendamente lesivo para o desenvolvemento destas leis e, en consecuencia, destes dereitos e, por tanto, para tantas e tantas persoas -especialmente mulleres- e familias que viron como o PP volvía premiar a esa familia tradicional que tanto lle gusta, en detrimento do resto da cidadanía, que apostaría que a día de hoxe xa é unha maioría.
Debemos romper con ese falso mito de que a dereita é a única que defende á familia. E debemos facelo porque a familia non é o que decide a dereita que sexa, senón o que as persoas establecemos como tal. Claro que a dereita e, de forma específica, o PP defende á familia! Pero á que é inamovible e formada por home e muller heterosexuais -e, a poder ser, que ela quede en casa- coa descendencia que “Deus queira”. A esquerda respecta ese modelo, pero tamén ao resto de opcións e, precisamente en aras da igualdade, defende a aplicación de políticas de discriminación positiva para evitar a d daquelas que, precisamente pola imposición do modelo patriarcal desde o inicio dos tempos, atópase con maiores trabas a todos os niveis.

Mulleres e homes divorciados, mulleres e homes homosexuais, bisexuais e transexuais -con e sen fillos e fillas-, mulleres que queren ser nais solteiras e mulleres que non desexan ser nais, matrimonios ou persoas solteiras que viven con ascendientes ou descendentes con discapacidade… Todas e todos temos o vindeiro 26 de xuño unha oportunidade para dicir un si á igualdade, un si ao cambio, un si a un novo Goberno de dereitos e liberdades. É o momento de recuperar todo o perdido e de avanzar cos novos tempos e as novas familias.

http://praza.gal/opinion/3407/novos-tempos-novas-familias/

venres, 17 de xuño de 2016

Leccións sobre igualdade, ningunha

Vivimos nuns tempos de campañas case permanentes. Cunha cidadanía hastiada da política ou, mellor dito, realmente enfadada de convivir co peor dela, as e os especialistas en comunicación se devanan os miolos para buscar fórmulas que enganchen e atraian para conseguir ese ben tan prezado chamado voto.
Os partidos de nova creación teñen moito máis fácil esta tarefa, posto que,  co expediente limpo de po e palla ao non ter no seu breve periplo responsabilidades de goberno -ou levan escaso tempo- e un discurso centrado na rexeneración e na crítica constante cara ao que consideran “vella política”, espertan entre o electorado ese entusiasmo que os partidos tradicionais - antigos en historia, non vellos- non conseguen provocar.
Por todo iso, resulta cando menos sorprendente que estes “emerxentes”, tan afeccionados aos xestos e símbolos, esquecesen a, nin máis nin menos, a metade da poboación: as mulleres.
Nunha época na que o movemento feminista reactivouse notablemente debido aos ataques permanentes do Partido Popular en contra de dereitos que se crían consolidados, como o da maternidade, e ante un terrorismo machista que, lonxe de diminuírse, converteuse nun verdadeiro problema de Estado, a visibilización das mulleres non é cuestión baladí.
A quen non se nomea, non existe, E, por tanto, a linguaxe convértese nunha ferramenta fundamental para alcanzar esta tarefa. Baixo esta premisa, obviar a linguaxe inclusiva na propia denominación de dúas dos principais partidos emerxentes, como Cidadáns ou Unidos Podemos, non parece o máis acertado.
Son moitos anos de loita, de grandes e pequenas conquistas alcanzadas grazas ao traballo arreo de mulleres -e de homes que tamén crían na igualdade-. Son moitos anos de esforzos, en ocasións con consecuencias tráxicas, que non poden, nin deben, quedar en saco roto. E son moitos anos de compromiso dalgúns partidos políticos, como o socialista, que durante os seus períodos de Goberno deu pasos fundamentais a favor da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres.
Esquecer ás mulleres na nomenclatura política vai máis aló do anecdótico porque quen non ten en conta a súa, a nosa, existencia, tampouco ten interiorizados certos principios básicos da igualdade. As ideas de Cidadáns sobre a violencia de xénero -que non consideraba como tal, ata que non lle quedou máis remedio que rectificar- ou a escasa presenza de mulleres enpostos de saída das candidaturas ou de dirección de Podemos constitúen só algúns exemplos.

Por iso, fronte a esa laureada nova política, reivindico o compromiso demostrado, ao longo de 137 anos de historia, cos dereitos e liberdades das mulleres. Así que en igualdade, leccións ao Partido Socialista, as xustas. Ou, máis ben, ningunha.

http://praza.gal/opinion/3394/leccions-sobre-igualdade-ningunha/

domingo, 29 de maio de 2016

Valentía contra a prostitución



Coñecía onte pola mañá a campaña que iniciou unha cadea de televisión sobre prostitución e explotación sexual. A verdade é que dita cadea, que xeralmente é criticada pola calidade da programación -que logo, curiosamente, ve “facendo zapping” unha boa parte da poboación-, acertou nalgunhas destas campañas de denuncia, suplindo a miúdo o papel que debería impulsar e desenvolver o Goberno.
Poñendo en corentena algún dato que se ofrece -sabemos que as cifras oscilan en función da fonte neste e en calquera outro tema-, dicir que máis do 80% das mulleres que exercen a prostitución -os que eu manexo superan o 90%- fano obrigadas e que en España existen, nin máis nin menos, que ao redor de 14.000 escravas sexuais debe facernos reflexionar polo menos uns minutos sobre o que iso significa.
Como un Estado pode permanecer impasible, cando non mirando para outra banda, mentres estamos a falar de escravitude? Talvez o feito de que á prostitución se lle coñeza como “a profesión máis antiga do mundo”, con toda a carga psicolóxica e social que leva, non teña axudado precisamente a afrontar o problema como o que realmente é: unha das formas máis salvaxes de exercer a violencia contra as mulleres, consideradas como mera mercadoría. Unha violencia á que, a cotío, súmanse outros factores estreitamente ligados á discriminación, como poden ser unha pobreza especialmente feminizada ou a xenofobia no caso daquelas que proceden doutros países -unha maioría que, ademais, adoitan chegar con promesas que logo resultan ser falsas-.
Outro dato especialmente relevante é o que constata que a gran maioría das mulleres que exercen a prostitución non o fan de forma voluntaria e porque, como algunhas persoas defenden, decidiron facer co seu corpo o que consideran oportuno, senón que se viron abocadas a iso por diferentes razóns -algunhas delas expostas anteriormente- ou, directamente, son escravas duns proxenetas que, sen ningún tipo de escrúpulo, contrólanas, diríxenas e mesmo ás veces mantéñenas sedadas e drogadas para poder salvagardar un negocio que o Goberno de España do PP decidiu incluír no PIB? Lucrativo, por suposto, pero indigno (e inconcibible), tamén.
Incide tamén a campaña no que, polo menos baixo o meu punto da miña vista, está o “meollo” da cuestión: a demanda. É evidente  que se existe prostitución é porque hai clientes e tamén parece obvio que se se puxese fin á demanda, tamén se terminaría a prostitución. Por tanto, se o que queremos é acabar coa prostitución e todo tipo de explotación sexual e trata, é necesario perseguir dita demanda. Non podemos limitar o problema ao proxenetismo -que tamén-, senón que debemos buscar fórmulas, como as que, por exemplo, acaban de aprobar os nosos veciños franceses, para castigar e/ou sancionar aos clientes. Leis integrais que acheguen solucións integrais.

Porque se hai outra cousa que, tanto a sociedade como os gobernos, debemos ter clara é que as mulleres  nunca poden ser as perseguidas. Pola contra, temos que garantir, por unha banda, ese recoñecemento de vítimas -modificando, entre outras medidas, a Lei integral contra a violencia de xénero de 2004, que non recoñece ás prostitutas agredidas como vítimas de violencia machista, con todo o que supón- e, por outro, garantir a reinserción social e laboral dunhas persoas -maioritariamente mulleres- que merecen, como todas as persoas, ter unha vida digna e ser libres.


http://praza.gal/opinion/3360/valentia-contra-a-prostitucion/

martes, 19 de abril de 2016

Cidadás de segunda

Leo con certo estupor unha noticia na que se informa de que o Sergas xa non pide a proba da toxoplasmose ás mulleres embarazadas. E digo estupor porque precisamente nos meus dous embarazos os resultados da devandita proba condicionaron en boa medida o meu “benestar”, polo menos no relativo ao gastronómico e dixestivo. Ou dito doutro xeito, que os dous negativos das análises impediron que durante 18 meses (nove por cada xestación) puidese inxerir alimentos como o xamón serrano, o chourizo ou a carne pouco feita, o que para min supuxo un verdadeiro calvario -tanto, que supliquei ao pai do meu primeiro fillo mentres estaba de parto que baixase á cafetería a por un bocadillo de xamón serrano para celebrar o nacemento como correspondía-.
Ben, deixando a un lado esta consideración persoal que pode parecer un tanto cómica ou mesmo superficial, parece que neste caso a razón que se esgrime non é de carácter ideolóxico nin económico, pero o certo é que a medida -que, por outra banda, non se aplica de momento en todo o territorio galego- vén sumarse a outras anteriores que si o son. Porque os e as que din defender ás mulleres que desexan ser nais -si, falo do Partido Popular- quedan niso, en palabrería.
Exemplo. Como moitas mulleres, parín en 2004 no entón denominado Arquitecto Marcide de Ferrol sen epidural porque o Goberno do PP da Xunta, non achegaba fondos para contratar anestesistas, e tivo que ser o Bipartito o que, un ano máis tarde, deu resposta a esta demanda.
Exemplo. Aquelas mulleres que, desexando ser nais, vense obrigadas a abortar por razóns médicas no segundo trimestre de embarazo, polo menos en Ferrol e A Coruña, son sometidas á indución ao parto nunhas condicións que non se axustan ao que marcan os protocolos internacionais. Ademais, as que, ofrecendo o Sergas esa opción, deciden abortar en Madrid, atópanse co problema de que teñen que abonar boa parte dos custos da viaxe. Desde logo, non son as mellores políticas para fomentar a natalidade e animar ás mulleres, que en ocasións teñen que recibir atención psicolóxica por estes abortos
Exemplo. O PP, con Gobernos con maioría absoluta en Madrid e Galicia, decide eliminar da carteira servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde o financiamento dos tratamentos de fertilidade e de inseminación artificial ás mulleres que, paradoxalmente, poderían precisar en maior medida devanditos tratamentos: mulleres lesbianas, soas e maiores de 40 anos.
Son unicamente tres exemplos, pero suficientemente significativos. O Partido Popular non só decidiu manter unha pugna contra aquelas mulleres que, exercendo o seu dereito para decidir, non queren ser nais, senón que tamén o fai contra as que queren selo. Porque detrás destas medidas e recortes subxace unha idea interiorizada para un amplo sector do PP: a de considerar ás mulleres cidadás de segunda.

Así que pouco ou nada avanzaremos en dereitos tan básicos como o de saúde se mantemos nas institucións a quen non só non cren nunha sanidade pública, universal e gratuíta, senón que tampouco cren na igualdade entre homes e mulleres.

domingo, 3 de abril de 2016

Besteiro & Cancela

Formei parte da Comisión Executiva de José Ramón Gómez Besteiro. Durante dous anos e medio, tiven a oportunidade e a sorte de traballar á beira de quen foi o primeiro secretario xeral do PSdeG saído dun proceso de Primarias. “Son fillo das Primarias”, dicía el sempre que se cuestionaba -e foron moitas- a súa representatividade e lexitimidade ou cada vez que se poñía en dúbida o seu modo de facer as cousas. Fundamentalmente nos últimos tempos, a presión foise incrementado ata facerse insoportable e insustentable e, empuxado polas imputacións dunha  xuíza convertida na raíña das casualidades e de marcar os tempos políticos -de forma moi especial os do Partido Socialista-, Besteiro decidiu abandonar.
Non vou ocultar a miña tristeza e desilusión ante o ocorrido. José Ramón Gómez Besteiro non só era o mellor candidato que tiña este partido para acabar cun Goberno terrible para Galicia como está a ser nestes últimos anos o do Partido Popular, senón que ademais foi  vítima das consecuencias dunha  cuestionable decisión xudicial e, o que é peor, dun cainismo que nestas semanas rezumaba un fedor putrefacto.
Tampouco serei eu quen se erixa na avogada defensora da inocencia do que foi o meu, o noso secretario xeral. Pero si direi que se houbo unha cualidade que me resultou destacable de Besteiro ao longo destes anos, ademais da súa capacidade de diálogo, humildade e confianza na súa xente, é a honestidade. Ata entón, non coñecera a ninguén que realmente tomase decisións -algunhas delas especialmente duras- pensando única e exclusivamente no partido e, de forma moi especial, na militancia. Unha militancia usada torticeramente en diversas ocasións por outras persoas para aferrarse aos seus cargos. Nin presidente da Deputación, nin Senado -co que sabemos que isto implica-, nin candidato á Xunta, nin secretario xeral do PSdeG… Besteiro, que o podía ter todo, converteuse nun afiliado máis por responsabilidade, respecto e entrega ao partido.
Pero, como se adoita dicir, a vida continúa. Sen deixar de confiar na xustiza, o presente, e parece que tamén o futuro, do PSdeG teñen nome de muller. Porque, se algo bo ten esta situación, é que quen tomou as rendas do partido é unha persoa que neste tempo gañouse o posto que agora Ferraz outorgoulle.
Traballadora, comprometida, feminista, dialogante ata a extenuación, leal, formada e capaz, Pilar Cancela representa á perfección esa imaxe de “nova política” que necesita nestes momentos o PSdeG. Cunha naturalidade innata e un discurso socialista propio sen esas frases enlatadas que usan algúns dos que fixeron da política o seu modo de vida, Cancela ten por diante uns retos complicados, sobre todo polas frontes abertas dentro do partido, pero non imposibles.

Como dicimos por estas terras, os tempos son chegados. Se queremos un PSdeG forte con vistas a liderar un Goberno de cambio na Xunta, debemos unirnos e apoiar a quen ten a responsabilidade e capacidade de facelo: Pilar Cancela.



domingo, 13 de marzo de 2016

136 anos contra o machismo

136 anos. Nin máis nin menos. Este é o tempo que o Partido Socialista leva loitando contra o machismo. Desde a súa fundación. Case un século e medio do que as mulleres que formamos parte desta agrupación podemos sentirnos orgullosas.
“Do Partido Socialista forman parte as mulleres, e é natural que así sexa, porque se os homes necesitan emanciparse, elas necesítano máis, por ser maior a súa escravitude, e para acabar con ela non poden ir a outro partido, xa que soamente o socialista loita pola desaparición de todas as esclavitudes”. Esta frase de Pablo Iglesias (Posse, o ferrolán, o “noso”) exemplifica á perfección o que foi o socialismo para as mulleres e, de forma especial, para a igualdade.
Nunha data como esta, na que celebramos o noso día, non está de máis facer unha mención e un recoñecemento a quen loitou -e ségueo facendo- pola igualdade en todas as súas vertentes. E non un día, senón os 365 días do ano dos últimos 136. Un partido que, ninguén o nega, cometeu erros –que pagou, e con fartura, nas urnas-, pero que resultou ser decisivo e clave en todas as políticas de progreso e de avance nos dereitos e liberdades de nós, das mulleres.
Desde o ámbito interno que reivindicaba Iglesias Posse e que foi unha constante nestes 136 anos -pasamos de poder formar parte do partido nuns momentos nos que a políticas era só cousa de homes, a converternos en responsables orgánicas e institucionais e a conseguir a aplicación das listas “cremalleira”, deixando polo medio etapas de diferente grao de participación e as famosas cotas-, ás políticas que se impulsaron, nos nosos gobernos, e defendido, na oposición. A igualdade efectiva no ámbito laboral, a corresponsabilidade, a loita contra a brecha salarial, os dereitos sexuais e reprodutivos ou a loita contra a violencia machista foron obxectivos do Partido Socialista e así o demostramos coa elaboración e desenvolvemento de leis, tanto a nivel estatal como da Xunta de Galicia.
Porque en Galicia, as mulleres (e os homes) socialistas tamén cremos que a loita contra o machismo é prioritaria. Con Gobernos fundamentalmente conservadores ao longo da súa historia democrática, a desigualdade entre homes e mulleres foi superior á da maior parte do Estado. E, así, a pesar do significativo avance rexistrado durante o Goberno Bipartito, o certo é que as mulleres sufrimos máis paro, máis desigualdade e máis machismo que en moitos outros territorios de España.
Por iso, un día como hoxe debemos alzar as nosas voces e revindicarnos. Reivindicarnos como mulleres, pero tamén como socialistas. Dicir ben alto que se algo temos desa “vella política” da que nos acusan os que presumen de representar ao novo, é que precisamente levamos moitos, moitos días e moitos, moitos anos, defendendo os dereitos e liberdades das mulleres. Moitos días de moitos anos traballando por conseguir unha igualdade que, lonxe de alcanzarse, está na actualidade en serio perigo de ir para atrás como consecuencia dos recortes económicos, pero tamén ideolóxicos, do Partido Popular.
E para conseguir esta igualdade, as mulleres socialistas sabemos que debemos ir xuntas. Queremos ir xuntas con outras mulleres, con todas aquelas coas que compartimos eses obxectivos de igualdade, de NON rotundo a todo tipo de machismo e de conduta discriminatoria cara ás mulleres. Por iso, o Partido Socialista de Galicia estará e formará parte sempre de todas aquelas plataformas e organizacións onde a inclusión, o feminismo e a loita contra a desigualdade sexan os seus alicerces fundamentais.

Hoxe é un día de festa. Hoxe é un día de traballo. Hoxe é un día de reivindicación. É o día das mulleres. Feliz 8 de marzo!

domingo, 14 de febreiro de 2016

Tocáronnola


Un ano por estas datas, o PSdeG, a través da Secretaría de Igualdade, en colaboración con Xuventudes Socialistas de Galicia, poñía en marcha a campaña “Que non nos toquen a lei”, en resposta á pretendida modificación por parte do PP do artigo 13.4 da coñecida como Lei do Aborto.

Coincidindo coa celebración, o 14 de febreiro, do Día da Saúde Sexual, saiamos á rúa para repartir condóns e, co lema desa iniciativa, -en claro rexeitamento a unha modificación que atentaba contra os dereitos das mulleres, especialmente das máis vulnerables, as máis novas en situación de violencia, desarraigamento ou desamparo-, poñer de manifesto a importancia que ten a educación e prevención para evitar embarazos non desexados, o fin último desta lei que xa leva no seu nome as palabras “saúde sexual e reprodutiva”.

De feito, a finais de decembro coñeciamos os datos relativos ás interrupcións voluntarias de embarazo e, por primeira vez dende 2005, os abortos en 2014 caían por debaixo dos 100.000, sendo 94.796, isto é, un 12,8% menos que o ano anterior. Este descenso, malia non afectar a Galicia, que mantén case inalterables as súas cifras –precisamente pola razóns de que non baixen vimos de preguntar ao Goberno da Xunta no Parlamento-, tamén afectou ás mulleres menores de 19 anos, pasando de 12,23 de cada mil a 9,92. E este é o terceiro descenso consecutivo.

Pois ben, pasado un ano, o PP tocóunola. Tocou unha lei que fora froito do consenso e, aínda que mellorable e revisable -como todas, por certo-, unha lei que, como amosan os datos, estaba comezando a dar os seus froitos malia non ser desenvolvida polo Partido Popular. Un ano máis tarde, as mulleres de 16 e 17 anos que quedan embarazadas e non queren ser nais, vense ante unha perigosa disxuntiva: a de abortar con garantías sanitarias, pero previa aprobación materna ou paterna mesmo nos casos nos que existe violencia intrafamiliar, desarraigamento ou desamparo, ou a de facelo de forma clandestina, co importante risco para a saúde que iso leva.

Por tanto, no Día da Saúde Sexual debemos esixir que “nos devolvan a lei” e que, por tanto, o Goberno entrante -esperemos que progresista e liderado por Pedro Sánchez, fiel defensor dos dereitos e liberdades das mulleres- recupere a lexislación anterior, para poder desenvolvela e, no seu caso, mellorala en todo aquilo que sexa preciso.

Precisamente un dos problemas principais que se detectaron nestes anos é a falta de información entre a mocidade. Así, os estudos constatan que máis do 50% das mulleres menores de idade que abortaron non tomaran -nin elas nin a súa parella, por suposto- medidas anticonceptivas. E non nesa ocasión, senón dun xeito habitual. E o mesmo ocorre coas mulleres menores de 19 anos que manteñen relacións sexuais, con independencia de que se produza ou non un embarazo. A razón? Pois imaxino que haberá varias, pero estou totalmente convencida de que o descoñecemento ou, o que é o mesmo, a nula ou escasa información e formación recibida nas súas respectivas casas e centros escolares está detrás dunha realidade que nos está retrotraendo a moitas décadas atrás.

Se queremos evitar embarazos non desexados, que como dicía antes, é o obxectivo da Lei de 2010 -o aborto non é máis que a solución última a romper cunha maternidade non desexada por parte da muller, que é quen ten e, por tanto, exerce ese dereito-, debemos poñer o acento na educación; unha educación afectivo-sexual que se imparta nos centros escolares e que teña como destinatarios a nenos e nenas desde idades temperás. Por tanto, non só é necesario recuperar Educación para a Cidadanía, como materia fundamental para que o alumnado reciba formación en valores como a igualdade, a tolerancia ou o respecto á diversidade, senón que tamén as administracións teñen que impulsar unha materia a través das que formemos a nenas e nenos, mulleres e homes informados acerca dos nosos respectivos corpos, saúde e dereitos sexuais e reprodutivos. Só con prevención e información poderemos acadar unha sociedade sexualmente saúdable.


http://praza.gal/opinion/3149/tocaronnola/

domingo, 7 de febreiro de 2016

Azul e rosa

Azul e rosa. Coches e cociniñas. Fútbol e ballet. Estes son só algúns exemplos do que historicamente se considerou de nenos e de nenas, os chamados estereotipos. Uns estereotipos que pouca importancia terían se non fose pola desigualdade que se deriva de cada un destes conceptos.
É dicir, a nena vestida de rosa, xogando ás cocinitas e acudindo a clases de ballet fronte ao neno de azul, tirado polo chan cun coche de carreiras e dando patadas nos seus intres libres a un balón. Ou, o que é o mesmo, a calidez, a fraxilidade e a submisión fronte á dureza, a fortaleza, a independencia e a competitividade. A inferioridade fronte á superioridade. A muller fronte ao home. A desigualdade máxima.
Talvez estas comparacións resulten un pouco extremas, pero os adxectivos anteriormente mencionados  -e outros moitos- son os que nos van separando desde a infancia e vannos facendo non só diferentes -que o somos-, senón desiguais. E da desigualdade estrutural proveñen condutas sexistas, discriminatorias e agresivas. Por iso, a educación resulta fundamental e, dentro ela, a ruptura deses roles asociados a un ou outro xénero.
E igual que nos últimos tempos sorprendeume -gratamente- atopar algúns catálogos de xoguetes nos que aparecen nenos xogando con bebés e nenas facendo construcións, ou ver como cada vez máis nenos utilizan a cor rosa nos seus equipamentos de fútbol -deporte no que na actualidade hai maior presenza feminina-, o sentimento é o contrario cando constato que a publicidade e o deporte, por seguir con estes exemplos, seguen sendo en termos xerais escandalosamente machistas.
E machista e claramente discriminatorio é o que sucedeu nun centro escolar de Ribadeo, o CEIP Gregorio Sanz, onde o profesorado inicialmente pretendía que os nenos acudisen o día da festa de Entroido disfrazados de xogadores de baloncesto e as nenas de animadoras. A pesar da rectificación motivada ao parecer pola queixa dalgunhas nais e pais, o certo é que resulta como mínimo preocupante que un claustro dun colexio público tome unha decisión destas características sen atisbar nin un mínimo de desigualdade na mesma. Non perciben un claro tufo machista ao pedir que os nenos acudan a clase vestidos de deportistas e ás nenas de animadoras, é dicir, que promovan a superioridade deles fronte á submisión delas?  Non se dan conta de que trasladar esa mensaxe ao alumnado é todo o contrario á formación e educación en igualdade?
É evidente que a resposta a estas preguntas é non e, por tanto, debemos esixir a quen corresponde, é dicir, ás administracións públicas e, dunha forma especial, a quen ten as competencias fundamentais, isto é, a Xunta, que incida na educación, tanto a nivel do alumnado como do profesorado. É evidente que nos últimos anos déronse significativos e preocupantes pasos atrás en igualdade. Os estudos realizados por diferentes institucións e organismos están a constatar un repunte do machismo desde idades moi temperás, co que leva: abusos e violencia psíquica e física.

Os recortes económicos e ideolóxicos do PP, tanto no Goberno de España como en Galicia, foron letais para a educación, un dos alicerces fundamentais sobre os que se ten que asentar a igualdade entre homes e mulleres. Por tanto, parece clave a existencia dun goberno de progreso que teña na igualdade uno dos seus compromisos fundamentais e que estea disposto a activar todos os recursos e medidas necesarios para poder alcanzar este obxectivo, comezando pola formación non só de nenos e nenas, senón tamén de quen se encarga da súa educación.

domingo, 31 de xaneiro de 2016

Conciliación ou espectáculo?

As imaxes de Carolina Bescansa chegando ao Congreso co seu bebé de apenas seis meses foron, sen dúbida, as máis polémicas e comentadas dunha semana repletiña de información. Ao longo destes días, homes e mulleres comentamos en medios de comunicación, redes sociais e faladoiros varios acerca da idoneidade, ou non, da decisión da deputada de Podemos de levar ao seu fillo ao seu posto de traballo.
E non serei eu quen a desautorice, posto que, como escoitei e lin nalgúns foros, ela é moi libre de facer o que considere, sobre todo porque ten a sorte de poder facelo (non como moitas outras persoas que non temos esa posibilidade no noso lugar de emprego). Pero, do mesmo xeito que ela ten esa liberdade e exércea como lle place, eu utilizo a miña para opinar e facelo, como ela, publicamente.
Comezarei dicindo que, como norma xeral, non me gusta en absoluto a utilización da imaxe dos e das menores en actividades e espazos que creo que non lles corresponden. Unha cousa é que os nenos e nenas participen do activismo político dos seus pais ou nais ou que mesmo en ocasións as circunstancias obriguen a iso, e outra ben distinta que se instrumentalice a imaxe dun ou unha menor -neste caso un bebé- para ser o centro das miradas e focos. 
Tampouco considero acertado que sexa unha muller a que expoña ante as cámaras esa idea tan interiorizada, por desgraza, de muller-nai-coidadora. Porque creo que é contraproducente e contraria a esa loita de moitos anos pola conciliación e, sobre todo, pola corresponsabilidade. E porque, a maiores, o Congreso conta cunha gardería (por non falar da aia que, ao parecer, ten a propia Bescansa -non entrarei noutro tipo de crítica de conciencia de clase para non botar máis leña ao lume- e que agardaba fóra para levar ao bebé despois do espectáculo mediático).
Precisamente esta escola infantil foi tamén criticada por algúns sectores da poboación, cos que podería coincidir, a priori, nesa crítica tan manida nos últimos tempos sobre os privilexios da clase política. Pero, claro, digo eu: se a realidade segue estando lonxe da corresponsabilidade e se as mulleres temos un teito de cristal que nos oprime e impídenos, ou polo menos complica, chegar a alcanzar certos postos de responsabilidade, non é entón unha boa noticia que o Congreso ofreza un servizo de gardería para poder garantir en condicións de igualdade a presenza de mulleres no hemiciclo? Non beneficia fundamentalmente ás mulleres? Non debe servir de exemplo para outras administracións e empresas privadas? A gardería ou o voto telemático son, sen dúbida, dous logros importantes e, aínda que insuficientes e limitados polo seu propio ámbito de actuación, van polo bo camiño desa igualdade que non se pode quedar nunha bonita palabra, senón que ten que ser un obxectivo real.
Pertenzo a un partido que cre e traballa pola conciliación e a corresponsabilidade para todas as nais e pais. E, por iso, nos gobernos socialistas aprobamos o Plan Concilia na Administración, o Plan 0-3 ou a Lei de Dependencia. E, por iso, na pasada lexislatura presentamos unha proposición non de lei sobre a repartición dos coidados e de igualdade salarial entre homes e mulleres que garantan de forma real e efectiva a igualdade tanto na distribución social dos coidados e traballos domésticos como na retribución polo desempeño dun traballo de igual valor. E, por iso, levamos no noso programa electoral un anexo dedicado especificamente á repartición dos tempos e medidas de conciliación e corresponsabilidade.

Todo isto fíxose, e seguirase facendo e defendendo, sen necesidade de postas en escena que si, conseguiron o protagonismo mediático que buscaban, pero que non comparto como muller, como nai e como socialista nin nas formas nin no fondo.

domingo, 17 de xaneiro de 2016

Mateina porque era miña

Resulta complicado tratar de escribir un artigo de balance sobre violencia machista mentres non cesan de chegar noticias de casos e máis casos de agresións contra mulleres. O machismo, por desgraza, non dá treguas nin entende de procesos electorais, vacacións de Nadal e festividades varias e, así, a poucos días de comezar un novo ano, a estatística do Ministerio de Igualdade correspondente a 2016 empeza a tinguirse de vermello ante varios brutais asasinatos.
En Galicia a realidade é dramática. Péchase un ano, 2015, terrible en canto a número de vítimas. Nove. Sete mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas e dúas nenas cuxo pai decidiu quitarlles brutalmente a vida co cruel obxectivo de vingarse da súa ex muller.
Máis aló do que os datos revelan, como que Galicia foi a terceira comunidade autónoma -unicamente por detrás de Andalucía e Comunidade Valenciana- en número de mulleres asasinadas por violencia machista ou que 2015 pechouse con máis vítimas que 2014 -unha muller máis que o ano anterior-, debemos afondar nas causas e a orixe deste repunte de violencia contra as mulleres.
Evidentemente, os recortes do PP, tanto por parte do Goberno de España como da Xunta de Galicia, teñen moito que ver neste incremento porque a ninguén se lle escapa que a maiores recursos, maiores ferramentas para combater o machismo desde todos os ámbitos. Pero estes recortes non podemos entendelos  como cifras sen máis, senón que as partidas deben ser a consecuencia dunhas políticas definidas, transversais e contundentes contra o machismo e a violencia que este xera.
E aí, na orixe, é onde, baixo o meu punto de vista, o Partido Popular ten cometido os maiores erros; uns erros que cualifico como tales porque entendo que ningún partido pode compartir, avalar ou mesmo entender as agresións contra as mulleres, pero que se sustentan nunha ideoloxía conservadora e en ocasións claramente machista. E esta ideoloxía é a que levou ao PP nestes anos para recortar en todo aquilo que soaba a igualdade, o elemento principal sobre o que hai que traballar se realmente queremos acabar con esta lacra.
Retirar do sistema educativo a materia de Educación para a Cidadanía e reducir competencias de forma drástica, a través da Lei de Bases de Réxime Local, aos Concellos, foron demoledores nesta tarefa integral de loita contra a violencia machista. Unha educación en igualdade en todos os niveis escolares e unha prevención, protección e asistencia próximas e personalizadas resultan fundamentais para afrontar o problema serio de machismo que padecemos.
Nos últimos anos, está a percibirse un incremento de condutas machistas na poboación adolescente e xuvenil. Eles, que controlan, someten e, en ocasións, agreden ás súas parellas física ou psicoloxicamente, e elas que, en niveis preocupantes, non só consenten estes comportamentos, senón que os entenden e mesmo consideran sinais de amor. Mateina porque era miña, esa frase levada ao cinema e ao mundo da música, convértese nunha realidade cada vez máis interiorizada e asumida.

Non será o momento de, unha vez por todas, afrontar de forma seria o problema? Non debemos apostar por unha educación afectivo-sexual e en igualdade? Non debemos devolver aos Concellos esas competencias que, en materia de atención ás mulleres, permitíalles ofrecer unha atención directa ás vítimas? Non debemos deixar de escatimar recursos e repoñer todo o que se reduciu en anos anteriores? Non debemos desenvolver na súa totalidade e revisar a Lei Integral de 2004, adaptándoa aos novos tempos e realidades, ampliando a súa cobertura a toda a violencia estrutural de xénero, con independencia do tipo de relación da vítima co agresor? A resposta a todas estas preguntas é obvia: debemos e temos que facelo de forma urxente se queremos empezar a poñer freo a esta terrible realidade. Por iso, resulta agora necesario máis que nunca impulsar un Pacto de Estado contra a violencia machista. Este era un dos compromisos de Pedro Sánchez e unha das principais tarefas que debe afrontar o próximo Goberno, agardemos que progresista. O Goberno de España e, sen dúbida, o da Xunta de Galicia.