Translate

martes, 17 de febreiro de 2015

Educar para ser iguais

As persoas somos froito do que vivimos, do que experimentamos e, por suposto, do que nos ensinaron. Por iso, cando se fan públicos resultados de informes como o "Estudo de percepción da violencia de xénero por parte da adolescencia e xuventude", resulta un pouco absurdo que nos botemos as mans á cabeza escandalizadas e escandalizados ao constatar que 1 de cada 3 novos considera aceptable controlar a súa parella e un 28% afirma ter sufrido un control que considera abusivo.
Que estamos indo marcha atrás a velocidade de vertixe en todo o que se refire á igualdade entre mulleres e homes é un feito. Que as políticas defendidas, promovidas e desenvolvidas polos Gobernos do Partido Popular, tanto a nivel lexislativo como executivo e presupostario, van dirixidas á mingua de dereitos e liberdades das mulleres e, polo tanto, unicamente incrementan o machismo no conxunto da nosa sociedade, tampouco é descoñecido para ninguén. E que estes recortes, xustificados falsamente coa crise, afectaron -e ségueno facendo- a aspectos tales como a prevención, a educación e a posta en marcha de campañas de sensibilización, estanse constatando a diario.
Precisamente nestes últimos aspectos radica unha parte fundamental do obxectivo para o que moitas persoas estamos a traballar e que, en realidade, non deixa de ser o fin último dunha sociedade que pretende ser moderna e desenvolvida: o de conseguir a igualdade, entre a que se encontra, por suposto, a que ten que existir entre mulleres e homes. Polo tanto, esquecer ou directamente prescindir metendo unha tesoirada de todo aquilo que soe a prevención e educación en igualdade -aderezado con decisións do calibre de eliminar a materia Educación para a Cidadanía- produce resultados como os que agora estamos a coñecer.
Por que a Lei contra a Violencia de Xénero de 2004 leva no seu nome a palabra "integral" e considera a educación e prevención como piares determinantes á hora de poñer fin a esta eiva? Por que a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo leva tal título e incide na necesidade de educar dende a infancia? Pois a resposta é ben sinxela: Porque só cunha educación, formación e información axeitadas poderemos conseguir unha sociedade diferente.
As administracións non poden mirar para outro lado. As administracións, as persoas que nos están a gobernar, non poden nin deben delegar toda a carga e responsabilidade educativa nas nais e pais. Unhas nais e pais que, ademais, en moitos casos son produto dunha sociedade patriarcal e machista, que é a que prevaleceu durante séculos e séculos e, polo tanto, tamén han de ser obxecto destas campañas educativas e preventivas.

Se queremos ir á orixe do machismo e atallalo, se non queremos que os nosos fillos e fillas poidan acabar converténdose en maltratadores e vítimas, fagamos os deberes e recuperemos -e incrementemos- as partidas presupostarias, as políticas e campañas destinadas a previr e educar en igualdade. Desenvolvamos as leis de forma íntegra e levemos aos centros escolares non só estas iniciativas, senón tamén materias como Educación para a Cidadanía. Porque só educando en igualdade poderemos ser iguais algún día.

xoves, 5 de febreiro de 2015

FIMO

Unha das imaxes que recordo dos veráns da miña infancia é a de xogar na casa dos meus avós en Covas, alá por mediados de xullo, cun avión de cortiza que me compraban os meus pais nunha feira que esperabamos como auga de maio. Para nenos e maiores, a Feira de Mostras constituía un auténtico evento nunha cidade en auxe e bonanza a todos os niveis. Miles de persoas acudían a Punta Arnela para comprar obxectos do máis diverso -recordo dispositivos, como un recolledor de migas, que estivo durante anos na miña casa- ou, simplemente, para dar un paseo e coñecer algunhas das novidades do mercado en diversos sectores.
Dende entón, principios dos 80, ata agora, metidos de cheo no século XXI, FIMO pasou por mil e unha vicisitudes, desafiou a reconversións e crises e, ata fai ben pouco, saíu practicamente indemne. Pero esta especie de pacto co demo -en sentido positivo- rematou hai un par de anos, cando os traballadores empezaron a sufrir atrasos en nóminas, despois se produciron despedimentos e fai nada, o Concello, para evitar o peche dunhas instalacións que no seu día foron pioneiras en Galicia, fixo un desembolso de 600.000 euros (e 366.000 a Deputación) para recuperar, en poxa, a titularidade da propiedade dos devanditos terreos.

Deixando a un lado aspectos criticables da actuación dun Concello que tomou cartas no asunto cun FIMO agonizante e que xa perdera moito tempo e, sobre todo, postos de traballo, o certo é que agora se abre un momento crucial. Un momento que debe ser aproveitado para converter a este recinto nun motor socioeconómico de Ferrol e de toda a bisbarra. Mancomunalo, incluír a Deputación e Xunta en socios dentro do seu consello de administración e, sobre todo, realizar un plan de usos que inclúa a celebración dunha gran feira internacional do turismo e outras de prestixio sobre naval e porto -é dicir, sobre recursos que temos e podemos "vender"- resultan pezas clave dun crebacabezas que non debe esquecer algo fundamental e prioritario: aboar as nóminas que se deben a uns traballadores que mantiveron en pé un dos referentes da nosa cidade.