Translate

xoves, 31 de xullo de 2014

De xustiza

Ás veces dáme a sensación de que nos temos metido nunha máquina do tempo e retrocedemos varias décadas. E en realidade o que digo non é tan desatinado, xa que nalgúns aspectos de calado os feitos se corresponden con momentos da historia non recordados precisamente pola proliferación e defensa de dereitos e liberdades.
Esta insistencia por parte dos Gobernos local, autonómico e estatal de converternos nas súas marionetas dirixidas e controladas, recae dunha forma especial sobre as mulleres. O denominado durante moito tempo de forma pexorativa "sexo débil" vai camiño de selo no que se refire aos seus dereitos e liberdades se o PP continúa atacando en todas as frontes posibles, en todo aquilo que dignifica as mulleres, as fai libres e as iguala aos homes.
Os freos e atrancos que se poñen dende as administracións e institucións parecen non ter fin e, por desgracia, Ferrol non é alleo. Unha das maiores eivas dos últimos anos, a violencia de xénero, reflicte uns datos que non son nada alentadores nesta zona, que lonxe de contar cos medios suficientes, asiste a unha total desidia por parte das autoridades.
A gravidade do asunto é tal, que esta zona só é superada en casos de violencia de xénero pola Coruña e Vigo, cidades que si contan cun xulgado especializado. Por todo iso, resulta especialmente sangrante e lamentable que a voz non só do colectivo de mulleres e dos partidos políticos como o socialista, senón de xuíces, fiscais e policías, non sexa tida en conta polo CGPJ, que segue facendo oídos xordos a esta reclamación. Unha reclamación que, mal que lles pese, seguiremos reivindicando día tras día. Porque, e nunca mellor dito, é de xustiza.



De feito, La Voz de Galicia publicaba estes días que o Xulgado número 2, que atende os casos habituais de instrución e os de violencia de xénero, está totalmente saturado e rexistra día si e día tamén algunha denuncia. Aos casos habituais -e non por iso menos graves- de malos tratos, súmanse os de ameazas e violencia efectuada a través das novas tecnoloxías, cunha especial e preocupante incidencia en estudantes e mulleres novas.

Publicado en La Voz de Galicia en xullo de 2014